Igrexas de Camariñas

Monumentos adicados á xente do mar e as súas tradicións, e capelas e igrexas onde recuperar a esperanza das vidas que leva o mar.

IGREXA DE SANTA MARIÑA, SANTA MARIÑA DE TOSTO

IGREXA DE SANTA MARIÑA, SANTA MARIÑA DE TOSTO

Antigo mosteiro de San Bieito, reconstruído dúas veces, é un dos primeiros focos de cristianización.

No lugar que agora se levanta esta igrexa estivo o mosteiro na honra de san Bieito - os monxes negros - de Santa Mariña de Tosto, que chegou a reconstruírse dúas veces. Está considerado un dos focos máis antigos da cristianización destas terras. A situación neste lugar retirado puido estar relacionada coa cristianización dalgún culto pagán, cun elemento natural ou coa fertilidade, xa que Santa Mariña foi unha lendaria mártir de Antioquía que simbolizaba os cultos ás augas e favorecía as colleitas. Do primitivo edificio só se conserva no seu interior o arco triunfal de acceso ao altar maior, formado por un arco de medio punto apeado en semicolumnas con capiteis vexetais, que seguen os modelos que os artistas de Praterías empregaron no cruceiro da catedral de Santiago de Compostela, e que son os máis frecuentes na zona. Esquemas que se repiten en Santa María de Xaviña, Santiago de Cereixo e San Pedro de Leis. O retablo, de madeira policromada é de estilo neoclásico.